Xa fai tempo que alguén me falou desta peli-documental (non lembro quen foi) e tiña ganas de vela. É unha historia sinxela: Unha familia de nómadas no deserto do Gobi que axuda nos nacementos dunha manada de camellos.
Unha das camellas ten un parto complicado e rexeita á súa cría. É unha historia triste e fermosa cun final feliz. O pequeno camello que xime desesperado chamando á nai, a súa negación a ser alimentado artificialmente e disposto a morrer de fame fíxome pensar na importancia que temos os mamíferos dese contacto coa nai, no valor afectivo da lactancia materna e por enriba de todo, fíxome pensar no poder curativo que ten a música.
Cun peculiar ritual, un músico interpreta unha melodía sinxela mentras unha das mulleres da familia canta, sen parar de acariciar á camella que acaba chorando e permitindo que o seu fillo mame. Pregúntome qué faríamos aquí nun caso semellante, dende logo non me imaxino a ningún gandeiro cantándolle ás súas vacas nin moito menos levando a un músico para que as tranquilice, tal vez sexa o precio da "civilización" que o único que fai e deshumanizarnos cada día un pouco mais facendo que nos parezca o mais normal do mundo deixar ós nosos fillos en gardarías nada mais nacer ou darlles o "bibe" porque é o millor para eles, cando todo é moito mais sinxelo: o único que realmente importa é o contacto físico que é o único xeito de transmitir a protección, a seguridade e a tranquilidade que precisamos para vivir sen medos.
Impresiona a confianza da familia nos nenos, ós que envía a través do deserto en busca do músico. Dous nenos, un deles dunhos cinco anos, recorren quilómetros de area mentras a súa familia ten a certeza de que poden valerse sós perfectamente.
En fin, que me gustou moito e que vos recomendo a todos que a vexades, seguro que atopades a vosa propia historia dentro dela.

0 comentarios:
Publicar un comentario